Thursday 16 de May de 2024

Cabanas promociona as alternativas de hixiene íntima nunha campaña informativa


Sortearanse varias copas menstruais para promocionar unha alternativa respectuosa cos corpos e aterra.

A área de igualdade do Concello de Cabanas, en colaboración con Euroeume, está a realizar unha campaña informativa sobre as alternativas de hixiene íntima respectuosas co medio ambiente, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Acción pola Saúde das Mulleres e o Día Internacional da Hixiene Menstrual.

A campaña ten por obxectivo rachar coa estigma da menstruación, ao tempo que pon o foco tamén no problema ambiental que supón o uso de plásticos dun só uso nos produtos hixiénicos máis populares. Ao tempo, presenta varias alternativas, como as esponxas mariñas menstruais, as compresas de tela reutilizábeis ou as copas menstruais.

Os trípticos informativos da campaña están a disposición da veciñanza na Farmacia de Cabanas Paloma Fuentes, onde tamén teñen á venda estas alternativas de hixiene íntima. Ademais, ao fío desta campaña, sortearanse varias copas menstruais para promocionar esta alternativa respectuosa cos corpos e coa terra.